ONDE É?? (01/10/2010) 01/10/2010
Posted by Barbanza-Noia On Line in onde é?, Pasatempos.trackback
ONDE É???
Seica nunha aldea dese concello, ao que Castelao chamaba “campana de pau”, houbo unha vez xentes que acordaron roubar nun mosteiro, pois daquela, eses piadosos establecementos eran dos mellores lugares para procurar fortuna rápida en tempos nos que non había lotarías; e abofé que deberon levar un bo tesouro polos males que trouxo o seu arrapaño. O caso é que o capo dos ladróns enterrou o botín, ao día seguinte apareceu morto e ninguén soubo nunca onde agochou o roubado o condenado, segundo relata o Daniel nun deses contos que titulou “Cousas”. Tamén conta que dende aquela a aldea da banda de truáns sufriu dos peores males, o que fixo que fora coñecida polo alcume de “aldea maldita”, logo de ser abandonada.
Outros, menos dados ás comedias e faladurías, din que o de “maldita” vén de cando foi da peste negra no século XIV, da que os veciños do lugar foron uns máis entre os millóns das súas vítimas en toda Europa. Eu penso que esta última versión é unha maneira de facer que o conto pareza estar baseado en sucesos máis históricos e científicos, e así, pretendidamente, máis crible para a moda dos tempos de hoxe.
Ao cabo, a cuestión é que, fora por roubo ou por peste, a aldea segue maldita, porque polo que eu sei ningunha inmobiliaria foi quen de mercar alí ferrados de leira a prezo de ouro cando o do boom inmobiliario.
De que aldea se trata?